PLENO - XANEIRO 2012

Suba de taxas pola recollida de residuos e do PAI e moción do BNG pedindo elaborar ordenanzas municipais para a utilización privativa do dominio público

* O goberno local propuxo unha suba da taxa pola recollida de residuos, que ficaría así nuns 4 € ao mes.
O BNG abstívose porque considera que a taxa non é desproporcionada por este servizo - que, aínda coa suba da taxa, vai resultar deficitario - pero a calidade do servizo debe mellorar, especialmente no tocante a limpeza de contenedores. 
Sobre todo pedimos revisar o censo de suxeitos contribuíntes, pois danse casos de casas que non pagan con similares características a outras vivendas que sí o fan (por exemplo, xente que só habita na vivenda os fins de semana, uns pagan e outros non). E todo o mundo debe pagar por igual.
O goberno local comprometeuse a facer dito censo por parroquias.
A taxa aprobouse cos votos a favor do PP, abstención do BNG e voto en contra do PSOE.
Nunha cuestión que non reparamos os grupos da oposición no Pleno foi no feito de que a liquidación da taxa se fará cada 6 meses (25 € cada vez; son 50 € anuais), sendo mellor para as familias que a taxa fose liquidada en cantidades máis pequenas cada menos tempo, cada dous (8 €) ou tres meses (12 €).

* Aprobación da ordenanza fiscal do prezo público polo servizo de gardería do PAI (Punto de Atención á Infancia). 
Estamos de acordo en subir as tasas (proponse 60 € de matrícula e 110 € mensuais), porque eran moi baixas (20 € matrícula/40 € ao mes; exención para veciñanza de Sober), pero para unha gardería pública co noso nivel de salarios son agora altas, aínda non chegando a nova suba que acaba de aplicar a Xunta para as escolas infantís (160 € mensuais).
As exencións e bonificacións están mellor que as da ordenanza anterior (a de 2005, na que estaban exentos de cota os veciños de Sober e había bonificacións no caso de irmáns). Na nova ordenanda as bonificacións e exencións contemplan máis supostos e son máis sociais.
Os concellos pequenos como Sober non teñen capacidade propia para soster estes centros, facendo cargar o seu sostemento sobre as familias. Antes que pechar o PAI, estamos de acordo coa subida da taxa, por iso a abstención, pero o BNG ten preferencia por unha rede galega de escolas públicas infantís, coma a que impulsara o goberno da Xunta 2005/2009, e que o PP desgaleguizou e agora ameaza con privatizar.

* O Pleno acordou por unanimidade a creación dun ficheiro municipal de datos persoais, conforme á normativa vixente.

* Moción do BNG: elaborar ordenanzas municipais pola utilización do dominio público por parte de empresas de telefonía, enerxéticas ou da banca.

A fiscalidade é un dos grandes obstáculos nos concellos medianos e pequenos como o noso, e debemos tentar atopar solucións que non pasen por poñer a presión fiscal sempre na xente do común. E ainda por riba, a única reforma constitucional que se fixo no estado, obríga aos concellos a controlar máis o gasto adoptando medidas antipopulares, regresivas e dolorosas para a cidadanía. As administracións deberían ter a obriga de buscar outro tipo de solucións no canto de botar enriba dos seus cidadáns e dos concellos os problemas que eles non crearon.
Hai sectores que viven un momento de importante expansión económica como a telefonía móvil, industria enerxética (eléctricas, eólicas) ou a banca, que teñen en común a necesidade de usar infraestructuras públicas locais ou municipais sen que esto repercuta nas arcas do concello. Para que estas empresas podan ofrecer e prestar os seus servizos, é necesario que desfruten da utilización privativa ou dos aproveitamentos do dominio público local, constituidos polo voo, solo e subsolo das vías ou terreos públicos municipais.
O Tribunal Supremo deu vía libre aos municipios para poder cobrar a caixas e bancos pola utilización intensiva que os caixeiros automáticos fan dos espazos públicos. Nesta sentencia recoñeceuse a lexitimidade para poder cobrar una taxa municipal aos caixeiros automáticos instalados nas fachadas das entidades financeiras.
As empresas do sector enerxético (eléctricas, eólicas, solares, etc) fan uso do dominio público nas súas actividades polo que este tipo de taxas serian susceptibeis de aplicación. No caso destas empresas, dito aproveitamento ten características especiais porque fan unha ocupación continua tanto no espazo coma no tempo. Por este motivo, a propia lei regula un procedemento específico para valorar dita utilidade e determinar o importe da cota da taxa, que se pode fixar nun 1.5 % dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente no termo municipal.

Como a moción foi tida en consideración, presentámola como rogo, á espera de que sexan presentadas ao Pleno as ordenanzas pertinentes.

* Petición do BNG: arranxar o cenador do entorno do miradoiro da Pena do Castelo, en Doade.

1 comentário:

Anónimo disse...

E canto e a tasa nesa rede d escolas infantis?